A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse esta tarde co presidente da entidade

Lugo, 4 de febreiro de 2020.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta tarde que o Goberno galego cederá o albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín ao Club Fluvial de Lugo cando non haxa campamentos de verán. Díxoo logo dunha reunión co presidente da entidade, Tito Valledor, o alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

A conselleira destacou a importancia de que as administracións colaboren para darlle ás infraestruturas públicas a maior utilidade posible e beneficien a máis xente. O Club fará uso do albergue durante os meses que non estea ocupado por un campamento de verán da Xunta de Galicia, que se desenvolven do 15 de xuño ao 5 de setembro.

O Fluvial de Lugo e o Concello de Portomarín xa colaboraran ao longo da pasada tempada, xa que dito albergue acolleu concentracións tanto do equipo de piragüismo do Fluvial como de seleccións nacionais que prepararon no encoro de Portomarín algúns campionatos nacionais e internacionais. De feito, o presidente do Fluvial agredeceu de formar expresa ao alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, «quen foi a clave e o impulso desta cesión».

No transcurso do acto de hoxe, a conselleira de Política Social visitou as instalacións do Fluvial e recibiu da man de Tito Valledor a máxima distinción que outorga o club, unha réplica de Sargadelos do edificio primitivo. O presidente do Fluvial agradeceu «Tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Portomarín a confianza depositada no club para a xestión deste albergue e a celeridade á hora de realizala; non lles imos a defraudar». Valledor destacou ademais que «é unha oportunidade para o club de poder expandirnos e de dar máis servizos non só aos socios, senón aos lucenses en xeral, ao tempo que se dinamiza o pobo de Portomarín». Tamén se mostrou confiado en que «esta relación dure moito tempo, porque todo o que sexa promoción deportiva sempre vai contar co apoio e a colaboración do Fluvial». De feito, xa está previsto un campionato de España no encoro de Portomarín, previsto para a primavera.